sábado, 13 de abril de 2013

"Cando chegas a un sitio e te ofreces sen condicións, cordial e humildemente tes todas as de gañar"


Boas, aquí vos deixo unha entrevista a un dos membros principais da comuna de Xove, Jesús García García (Chus, meu pai). Cóntanos como foi a súa historia.


- ¿Como empezou todo?¿Por que?
Non houbo un antes e un despois, nin día de inauguración. O proceso de xestación foi a convivencia perante case dous anos de xente nova con inquedanzas por vivir diferente a coma, naqueles intres, poderíamos calificar de vida normal para a xente nova, atopar un traballo, independizarse, formar unha familia.
Atopámonos en Lago, na casa de A Barxa en Outubro do 78. Esa casa alugouna Manolo Maquieira, quen fora profesor na escola de Formación Profesional que os Xesuitas teñen en Xixón, a “Fundación Revillagigedo”. El foi quen, sabedor das dificultades de atopar traballo para os que tiñamos rematado a maestría, informounos da construción de Alúmina-Aluminio e as posibilidades de atopar traballo na sua montaxe onde él xa estaba a traballar (soldador de ferralla). Ademais acolleunos até que atopamos traballo e outra casa.
Como ves, si determinamos como este o inicio do proceso, foi unha casualidade, ou foi o acto de xenerosidade por parte de Manolo en acollernos desinteresadamente. O grupo que chegáramos de Xixón eramos catro, dous, Pepín e eu seríamos parte desa comuna.


-  ¿Como foi o proceso de integración?
Mellor sería falar de construción do grupo. A convivencia e vivencias daquela época, para min eran novedosas, diferentes ao que puidera ter pensado acerca do meu devenir moi intensas pero a vez como normais. Aquilo era un e vir constante de moita xente en torno a casa da Barxa e en torno a Manolo. Pouco a pouco foise forxando unha amizade e convivencia que nos pideu algo máis que compartir vos ratos. Daquela o montaxe da fábrica estaba a rematar e o grupo que mantiñamos máis relación fomos afondando en cousas que xa tiñamos falado e reflexionado dun xeito ou doutro.
Éramos Jose e Cati como parella, Manolo Maquieira, Pepín, Manolo Rios e un servidor, os que decidimos conformar ese grupo que a xente deu en chamar a comuna. Isto debeu ser polos 80, pouco tempo foi o que estivo Manolo Rios connosco, decidiu marchar coa súa compañeira que non se integrou. Posteriormente incorporouse Pedro e a continuación Carlos (teño algunha dúbida pero creo que foi así).


- ¿Canto tempo estivo nela?
Tampouco podemos dicir que houbera unha data na que todo rematara. Así como o nacemento foi un proceso no tempo de encontro, o remate foi un paulatino desencontro. Si ben, hai duas cuestións relevantes que deterioraron a coexión do grupo. A primeira, e para min a máis relevante, a marcha de Manolo Maquieira de cura a Honduras (non lembro datas, nos recortes de prensa que te pasei debe aparecer), este era un xesuita que se ordeu cura estando na comuna e decidiu, xa o tiña decidido, marchar a Centroamérica, berce da teoloxía da liberación, lugar de pobreza e revolución nos oitenta, Nicaragua, Salvador, Guatemala, Onduras, etc. A outra cuestión de relevancia foi a separación de Cati e Jose, eran a única parella estable como tal dentro do grupo e ámbolos dous iniciadores.


- ¿Que actividades desenvolviades?
Si ben non era o sentir de todos, a agricultura era a aposta máis forte. Pero a inexperiencia e a carencia de recursos facía que ista fora insuficente, mesmo para satisfacer as cuestións máis básicas de sustento e pago de aluguer da casa. Curioso, pero milagrosamente (veciños, amigos, etc), nos peores intres aparecía algún traballo por fora para desenvolver por algún de nós que permitía sair adiante nesas cuestións. Mesmo Manolo foi mariñeiro por unha tempada.
A primeira iniciativa foi a creación dunha granxa de coellos conxuntamente co traballo da horta con pequenos e diversos cultivos de hortalizas para autoconsumo e venda de excedentes no mercado. Outra iniciativa forte foi o cultivo extensivo de xudías para unha conserveira, uns quincemil metros cadrados ( ou algo así) nun montón de terreos que os veciños de Xuances Esteiro poñeron a nosa disposición.
Lembro que tiveramos que pedir un crédito de cen mil pesetas para gastos de maquinaria, esterco, etc.. Pero velaí, unha vez máis os veciños, coa súa colaboración permitíronnos non ter que depender dos cartos do banco (que sen prestarnos nada cobrounos cinco mil, disque por gastos do corredor). Anécdotas aparte, aquela campaña deunos un impresionante traballo a todos nós, a amigos, familiares e veciños e ben pouquiños cartos.
O cultivo das fresas dun xeito extensivo (?) , mil cincocentas plantas da primeira vez, foi das mellores iniciativas. Os cultivos en invernadoiro, feito con paus de eucalipto, permitía diversificar e ampliar o tempo de colleita. As posibilidades destes cultivos levounos a construción, tamén artesanal, doutro invernadoiro moito maior. Nesta ocasión o temporal “Hortensia”, aló polo 84 (¿), tirounos con todo e de novo houbo quen se lembrou de nós. O Sr. Ramón, párroco de Xove por aquel tempo, puxo o noso dispor a casa reitoral da Regueira cunha boa finca o redor. Daquela mudamos de Xuances para aló onde si se desenvolveu a actividade agraria xa dun xeito máis profesional, con invernadoiros de túnel prefabricados e cultivo de fresas nun número cosididerábel. A comercialización facíase ó pormenor en mercados e tendas e excedentes a maioristas.



- ¿Que influencia tivo a Comuna no entorno donde vivíades?
A convivencia coa veciñanza foi sempre moi boa. Cando chegas a un sitio e te ofreces sen condicións, cordial e humildemente tes todas as de gañar. Este terreo xa o tiña aboado Manolo Maquieira cando nós chegamos, foi seguir a senda. A súa preparación e experiencia na educación permitiulle ofrecer clases particulares desinteresadamente aos rapaces de Lago despois do traballo, cousa que era compensada espontaneamente con patacas, leite, froita, etc. Que seus pais tiñan na casa.
No proceso de maduración do grupo tamén estivo moi presente a relación cos veciños, que como xa dixen anteriormente, foron vitais en momentos determinados. Eles víanos con curiosidade, sen receos e expectantes a ver o que evolucionabamos especialmente naquelas actividades agrarias que desenvolvíamos, diferentes a agricultura tradicional da zoa. Non esquezamos que o entorno era rural aínda que nun acelerado proceso de conversión pola instalación da fábrica e a relevancia que tiña o traballo no mar.
En definitiva, a nosa pegada no entorno foi cativeira e non deixa de ser tan so un bo recordo cando o lembras con algún deses veciños.


- ¿Como valoras a túa propia experiencia, positiva ou negativa?
Sería unha simpleza contestar nestes termos exclusivamente. Cando ti constrúes a túa propria senda, e aínda mellor, falo cun grupo de persoas coa mesma ilusión, non cabe outra, as sensacións son auténticas e polo tanto positivas e negativas non podería ser doutro xeito.

- As tendencias sociales, económicas (mercado de traballo) e culturais, son de marchar do campo a cidade, poderías decir que no teu caso foi un pouco o contrario, marchaches dunha cidade como Xixón cara unha zona donde o rural era o máis común. ¿como o valoras?
Como sabes o abó Serafín, antes que guardía foi agricultor, emprendedor con iniciativa pero pillado pola precariedade do campo nos sesenta, e nunca deixou de selo. Sempre tiña e sigue a ter unha horta onde cultivar, na que por necesidade e imperativo paterno había que botar unha man. A min sirveume de  experiencia para ter coñecemento dese tipo de traballo pero tamén para sentir unha experiencia aínda moito máis especial, comer algo que ti cultivaches, viches medrar e madurar, aínda sinto esa satisfación. Do resto, tanto en Asturias coma en Lugo o traballo tradicional do campo estaba denostado e o segue a estar trinta anos despóis no contexto social e económico estandar. 


- Hoxe en día, dada a situación actual de crise, ves este tipo de experiencias como unha alternativa?
Si, están aí, doutros xeitos, con outros graos de compromiso, nin máis nin menos cos nosos de entón. Hoxe, como daquela, estas experiencias non saen nos xornais nin nas televisións, pero si escudriñamos na arañeira da internet atopamos iniciativas, que no sustancial, son semellantes, vixentes e necesarias en tempos de crise económica e en calquera outro tempo. Para crise a que vivimos nós, ¡ollo!, económica que non VITAL ou como lle queiramos chamar. 




2 comentarios:

  1. Unha historia interesante, sen duda. Recordo outra entrevista que publicaras noutro blogue sobre túa nai e o seu traballo na fábrica de Sargadelos. Noraboa por conseguir relacionar a historia de teus pais co teu traballo. Non hai que olvidar as propias raíces.

    ResponderEliminar